Acerca de

O meu nome é Delfín Domínguez Cerdeira, teño 57 anos e son médico de profesión. Nacín en Ponteareas no barrio do Peso da parroquia de Areas, e dende hai 32 anos vivo en Ribadetea.

Ademais da Universidade de Santiago de Compostela, onde obtiven a Licenciatura en Medicina e Cirurxía, tamén cursei estudos na ULB (Universidade Libre de Bruxelas), na Universidade da Coruña, na Universidade de Alcalá de Henares e na Universidade de Barcelona.

Dende o ano 2002 ate o 2018, tiven una intensa actividade política no ámbito local de Ponteareas. Agora decidín facer una pausa para tomar perspectiva e ollar a vida social, política, cultural e económica como calquera outro cidadán, lonxe de visións partidistas.

Vivimos tempos complexos con cambios que se suceden a gran velocidade, e dende hai tempo teño a sensación que dende os partidos políticos non se lle está a dar resposta ós problemas reais dos cidadáns. Hai problemas estruturais ós que non se lle esta a dar solución, hai retos de futuro ós que simplemente se ignoran. Pero a sociedade evoluciona, non espera, non pode esperar, e si aquí non atopan respostas, buscarán outros lugares onde desenvolver os seus proxectos vitais

Este blog nace coa vocación de reflexionar sobre a realidade que nos rodea, as feblezas que temos que superar, ás oportunidades que debemos aproveitar, os riscos que temos que evitar; e dende logo quero poñer o foco nas nosas potencialidades, no que temos de valioso, no que somos fortes.  Todo aquilo que temos que poñer en valor e do que deberíamos sentirnos orgullosos.

Quero reflexionar sobre a economía, a demografía, o emprego, as comunicacións …  sobre todos aqueles temas que determinan as condicións de vida das persoas e das súas oportunidades.  Cunha visión transversal de sustentabilidade, de protección do medio ambiente e de loita contra o cambio climático, verdadeiros retos que temos por diante como civilización.

Conceptos como economía circular, emprego verde, sustentabilidade, ecoloxía, economía do ben común, deben formar parte do compromiso que como cidadáns temos coa sociedade.

Todas estas reflexións e apuntamentos quero facelos dende a ribeira do Tea . Unha visión local cunha perspectiva global.